A Sanidade é cousa de tod@s. 4.000 VECES GRAZAS!

18.4.12

A sanidade pública é respaldada polo Concello do Barco


A moción do BNG aprobouse por maioría coa axuda dos votos do PSOE, mentres que o PP segue a mirar cara outro lado para non ver os ataques da Xunta á sanidade de tod@s.
 
O grupo municipal do BNG propuxo no último pleno que a Corporación municipal manifeste o seu apoio á Iniciativa Lexislativa Popular impulsada pola Plataforma SOS Sanidade Pública, animar aos veciños e veciñas do noso concello a colaborar con esta iniciativa. Así como instar á Xunta de Galiza e á Consellaría de Sanidade a garantir a Sanidade Pública como servizo universal, gratuíto e de calidade e a manter a xestión pública e directa do Sistema de Saúde de Galiza.



A Plataforma SOSSanidade Pública está a promover unha Iniciativa Lexislativa Popular(ILP) coa finalidade de deter a política de recortes e privatizacións da Sanidade Pública impulsada polo actual Goberno Galego e co fin de garantir o dereito constitucional á protección da saúde dos galegos e galegas.
O artigo 43 da Constitución recoñece o dereito á protección da saúde, correspondendo aos poderes públicos organizaren e tutelaren a saúde pública, mediante as medidas preventivas, as prestacións e os servizos necesarios. É competencia do Goberno da Xunta de Galiza, o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior, así como en materia de Seguridade Social, excepto as normas que configuraron o seu réxime económico.
A sanidade pública constitúe -xunto co ensino e os demais servizos públicos- un elemento básico do Estado Social e un claro indicador de equidade e solidariedade. Nas últimas décadas, porén, estes principios aparecen cuestionados por unha campaña neoliberal de ataque e desmantelamento dos sistemas públicos de saúde. A decisión de combinar unha redución do orzamento sanitario co recurso ao sector privado para construír, restaurar, equipar e xestionar os centros sanitarios leva ao sistema a unha situación de limitación dos recursos necesarios para o mantemento da actividade dos servizos, e a un grao de endebedamento incompatíbel co sustento do sistema público, cando menos nas condicións actuais de universalidade e gratuidade no momento do uso, e que garanten a accesibilidade á atención de saúde e condicións equitativas para toda a poboación.
A finalidade da proposición de Lei, presentada pola Plataforma SOS Sanidade Pública vía iniciativa popular, é frear esa tendencia privatizadora mediante a defensa e promoción da sanidade pública galega como garantía para a efectividade do dereito constitucional á protección da saúde.
Así pois, a proposición de Lei opta expresamente pola xestión pública directa das institucións sanitarias do Sistema de Saúde de Galiza, na liña histórica marcada pola Lei 14/1986, do 25 de abril, Xeral de Sanidade. Rexéitanse así as fórmulas de colaboración público-privada (private finance initiative ou concesión de obra pública), que en países do noso contorno produciron un contrastado empeoramento da calidade asistencial e un enorme aumento dos custos sanitarios.
A proposición de Lei pretende tamén mellorar o servizo público prestado á cidadanía incrementando a capacidade resolutiva en atención primaria como instrumento de achegamento dos servizos de saúde ao territorio e que terá unha grande incidencia na redución dos tempos de espera hospitalaria.
Finalmente, a proposición de Lei configura un sistema de xestión descentralizado territorialmente, promovendo a autonomía das áreas sanitarias, sen que isto supoña a renuncia a decisións centralizadas sobre cuestións concretas que melloren a efectividade das decisións.

Nenhum comentário:

Postar um comentário